Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de Lousame inicia a mellora de dous viarios no interior de San Xusto de Toxosoutos, nos que inviste 40.000 euros


 

O Concello de Lousame vén de iniciar a mellora de dous viarios no interior da aldea de San Xusto de Toxosoutos, nos que investirá algo máis de 40.000 euros. Trátase de dúas obras incluídas noutros tantos proxectos do Plan Único de Concellos “POS+2018” e que teñen un prazo de execución de 6 meses, se ben estarán rematadas este mesmo verán.

O primeiro en poñerse en marcha foi a mellora do acceso a San Xusto desde a estrada de Sabugueiro, onde esta semana xa se repararon as fochancas e se nivelou a estrada, traballos previos á mellora da capa de superficie con tratamento asfáltico semiprofundo. Os traballos terán lugar nun tramo de 140 metros e 5 metros de ancho, que gañará dous metros de ancho, un a cada lado. Ademais, contémplase a construción dunha cuneta de 40 metros revestida de formigón para o correcto drenaxe deste camiño.

Así mesmo, tamén deron comezo as obras de mellora dos accesos á parte alta de San Xusto. Unhas obras iniciadas coa demolición do pavimento existente. Posteriormente procederase á nivelación e compactación dos viarios, divididos en dous tramos de 50 e de 160 metros, que o Concello de Lousame pavimentará con 5 centímetros de zahorra e 12 de formigón. As obras incluirán tamén a adaptación dos pozos e arquetas existentes á nova rasante resultante destes traballos.

A alcaldesa en funcións de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “estes traballos forman parte do noso plan para mellorar os accesos e os interiores das nosas aldeas en todas as parroquias, xa que están incluídas en sendos proxectos máis amplos e que tamén inclúen melloras en Arxellas, Lesende, Escabia ou Aldariz”.